نبذة مختصرة : O punto de partida desta investigación sobre as mulleres caboverdianas de Burela foi un proceso de intervención social coa comunidade da que fan parte, no que a autora participou como coordinadora (1998/2001). As características metodolóxicas desa intervención, entendida como proceso dialéctico, participativo e empoderador, provocaron unha serie de mudanzas na vida destas mulleres, partindo do papel central que exercían, tanto nos grupos domésticos como na comunidade, debido á ausencia periódica dos seus maridos, dedicados á pesca de altura. A partir deste enfoque aplicado inicial, a investigación céntrase nas relacións de xénero que estruturan as súas vidas na costa de Lugo, tomando como referencia tanto a súa configuración histórica e cultural na sociedade de orixe como as transformacións que se producen no contexto migratorio. Tomando como base as teorías que consideran o xénero como un elemento estruturante dos procesos migratorios, caracterizado pola súa plasticidade e fluidez na adaptación aos diversos contextos, realízase unha análise das transformacións das relacións de xénero no seo da comunidade caboverdiana, tendo en conta a existencia de dous grupos diferenciados: o das mulleres que migraron anteriormente a 1998 e o das que o fixeron no século XXI.
No Comments.